Avaliación na Adquisición da Competencia Tradutora (EACT)

A finalidade do proxecto EACT é establecer procedementos de avaliación para diferentes niveis de adquisición da competencia tradutora. Céntrase na tradución directa do alemán, do francés e do inglés (L2 dos centros españois de formación en tradución) e na tradución entre L1. As linguas de chegada son español, catalán, galego e vasco.

O proxecto EACT é continuación do proxecto de investigación sobre nivelación na adquisición da competencia tradutora (NACT) do grupo PACTE. Esta investigación permitiu establecer niveis de desempeño na adquisición da competencia tradutora, propondo 3 niveis (A, B e C), con subniveis, e elaborar descritores para cada nivel ao redor de seis competencias.

O proxecto EACT céntrase nos niveis de tradución A1, A2, B1 e B2 (iniciación á tradución, iniciación aos campos de especialización da tradución), que son os que se describiron no proxecto NACT.

No proxecto EACT úsanse métodos cualitativos e cuantitativos. Ten unha duración de 4 anos e participan 5 centros españois de formación en tradución  representativos de diferentes contextos lingüísticos e xeográficos: Universitat Autònoma de Barcelona, Universidad de Granada, Universitat Jaume I, Euskal Herriko Unibertsitatea e Universidade de Vigo. Tamén participa a University of Westminster (Reino Unido).

Inclúe a realización de dous estudos empíricos en que participarán estudantes e docentes dos 5 centros españois:

  1. Un estudo, a partir dunha enquisa, sobre a situación actual da avaliación nos graos de tradución de España, dirixida a docentes de tradución de diferentes niveis e combinacións lingüísticas.
  2. Un estudo para valorar a proposta elaborada de procedementos de avaliación, en que se recollerán datos de estudantes de tradución e grupos de docentes.

 

Os resultados obtidos permitirán obter procedementos de avaliación estandarizados para diferentes niveis de competencia tradutora e servirán para probar a precisión da escala e a idoneidade dos descritores elaborados no proxecto NACT.

Universidades socias

Centro colaborador

Campus d'excel·lència internacional U A B